jueves, 18 de agosto de 2016

Ruído de trens. Eduard Velasco



Ruído de trens

(Tertulia da Lonxa Literaria realizada o 29 de abril de 2016)




Encontrámonos con Eduard Velasco o pasado 29 de abril entre libros amontoados que repasou devagar. Acode onda nós para falarmos do seu libro Ruído de trens (Espiral Maior, 2015), Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene no 2014.

Para este barcelonés afincado en Galicia desde o 2006 non é o seu primeiro contacto coas letras galegas. Colaborador desde hai tempo en medios como Vieiros, A Peneira, Luzes, Sermos Galicia ou A micro pechado (boletín editado por Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña) traballou igualmente no ILG e na Universidade de Lisboa en diferentes momentos. No mesmo 2014 foi gañador do III Certame Leiras Pulpeiro do Concello de Mondoñedo con Mentres o tacto.

Con todo, é o seu coñecemento de ambas as culturas (é licenciado en filoloxía catalá e galega) e o interese en difundilas nun territorio diferente ao propio o que propiciou a súa faceta de tradutor entre ambas as linguas. Títulos como Pan negro ou As valgadas bravas (do catalán para o galego) ou Corpo de mudanzas, O peso do meu sexo ou O porco de pé (do galego para o catalán) dan conta desta produción así como a publicación dunha escolla de textos de diferentes autores galegos e cataláns que veu a luz baixo o título De Fisterra ao Cap de Creus.

Ruído de trens, a obra recomendada, preséntase cunha estimulante capa laranxa que enmarca unha foto moi escura dunha ventá. “Esta foto, comenta, tomeina nunha noite de insomnio na casa dun amigo meu na Pobra de Brollón. Varios amigos axudámoslle a reabrir a casa dos seus avós que levaba máis dunha década parada. Esa restauración na que colaboramos formou parte dun (meu) proxecto que deu lugar á exposición fotográfica “A casa de Cereixa”.”

“O cuarto no que eu durmía, ao fondo do corredor, tiña esa ventá que daba á estrada pola que circulaban os camións do leite a cada tanto. Cada vez que un pasaba tremía o cuarto todo e os faros iluminaban uns momentos a ventá. Era como unha cámara escura na que, de cando en vez, aparecía unha luz. Nese cuarto pasei moitas noites sempre co ruído dos camións estremecendo os cristais.”

“O Premio Leiras Pulpeiro foi o inicio deste libro”, deriva o autor. “A súa xénese estivo aí. No tempo que me deron para revisalo madurei, retoquei, amplifiquei algunhas cousas e decidín presentar estoutro poemario ao Pérez Parallé e resultou gañador.”

“Se Ruído non tivese gañado ese premio non tería acadado tanta difusión. O libro gusta, tivo boas críticas, presentacións con éxito, moita repercusión… Todo estupendo. Se acaso, botei en falta críticas negativas porque o libro non é homoxéneo e non pasaría nada se alguén o dixese. A min gústame, por exemplo, o tipo de crítica que fai Isaac Lourido (que redacta o prólogo) que fala sobre a contribución de cada obra ao sistema literario galego”.

“Ao Parallé nese ano presentáronse 50 orixinais e déronme a min o premio. Agradecino moito, claro. A min os dous premios viñéronme moi ben. Se escribes do que che gusta e che dan un premio, pois estupendo. Pero os premios hai que relativizalos porque, aínda sendo a mesma obra, podería ser outro o resultado”.

As críticas das que fala o autor aluden, entre outras, a unha “poesía directa e sinxela con reflexión tenra, (…), breve e livián como a posmodernidade, (…), con nostalxia do lugar e reconforto do amor, (…) ou reflexión metaliteraria e consciencia da técnica” (Vicente Araguas no Diario de Ferrol do 20.09.15) ou a de Isaac Lourido que alude (no prólogo) a unha poesía “estimulante (…) que apresenta sugestivos desafios para que a poesia galega continúe a pensar sobre a linguagem, as vozes, os corpos, os trânsitos e as pertenças”.

En todo caso, na sala coincídese na accesibilidade do texto, na súa narratividade que alterna con pinceladas dun momento efémero e a abundancia de sinestesias e imaxes sensoriais (o silencio da calor, ruído de trens cos que me tapo, cheiro de canela só pola forma, a sombra do xantar…). O autor matiza estas palabras: “na miña poesía sempre hai unha intención de transparencia pero, á vez, busco deixar algo de veladura, que algunhas cousas apenas se poidan entrever”.

“Na poesía temos tendencia a querelo entender todo pero eu concordo con Pere Gimferrer en que a poesía hai que mirala como un cadro, como un solpor, como unha obra de arte sen querela entender necesariamente. Só deixarse levar por ela”. Neste sentido coméntase a emoción que espertan algúns poemas porque “o libro é máis complexo do que se di”.

Ruído comeza cun poema introdutorio a modo de confesión: “Eu quería escribir sobre o lugar/ da pedra das paredes/ do que me liga á aldea que non teño/ da casa á que non hei volver.(…) Pois non: resulta que escribo do amor a estas alturas (..). Vai haber que o asumir”. O propio autor comenta que “ese poema púxeno case como unha desculpa: se fago o ridículo xa o asumo porque a min non me gusta a poesía amorosa, sempre me pareceu “cursi” e resulta que cando me poño a escribir é o que me sae, que non era o que tiña na cabeza. Aínda que nesta altura xa non estou tan seguro de que sexa poesía de amor.”

Amor, coméntase, pero que liga erotismo e morte en ocasións (“E non sei/ se coa morte aos pés da cama ela lembraba/ que o seu ser dorido e acorado/ foi porta aberta ao gozo e á humidade…”), que aparece como man que ordena o mundo e reconforta (“… E en noites nas que se me fai pesadelo a treboada (…) acordo en sobresalto na suor e fáiseme abisal a falta das súas mans,/ do tacto que sanda todo mal/ e que me devolvería o sosego…”) ou sinxelamente formando parte dunha comunidade de afectos (“Cargamos ben o coche de sosego/ e fomos devagar gozando sen correr/ da paisaxe tranquila na amizade”).

Amais, engádese, “percíbese certa sensación de desarraigo, de importancia do lugar” (… aldea que non teño/… casa á que non hei volver) que é ratificada polo autor: “Des que era pequeno e ía á escola en Cornellá lembro os comentarios dos meus compañeiros á volta das vacacións de verán. Todos tiñan unha aldea, un lugar ao que volver e do que contaban marabillas. Eu non. A miña familia era toda de Barcelona e incluso a miña bisavoa, que era de Murcia, nunca regresou alá. Así que a min quedoume certa nostalxia do lugar, certa sensación de non ser de ningún sitio. De aí esta importancia”.

A memoria (“todas as peles que forman a memoria”) ten unha gran peso no libro, continúase. O poeta actúa a xeito de “cronista dunha historia con ausencias” (versos de Helena de Carlos), no que as lembranzas de momentos efémeros (o paso do tren, o corte dun dedo) e non tan efémeros (a cea de fígado de bacallau cuns amigos, a morte da avoa) quedan rexistrados. O autor remacha: “o libro é un resumo dun ano no que percorrín corpos e lugares e dos que quixen gardar a memoria.”

“Esta é unha poesía con pouco ruído e moito ritmo”, séguese a dicir. Eduard Velasco ratifícao: “Eu creo que o ritmo é moi importante. E non só en poesía senón en calquera texto. De aí que procure coidalo pero tamén me paro na métrica e na palabra exacta”. Se ben nesta última existe un labor de depuración importante na busca do termo máis acaído, na métrica a alternancia entre verso libre e hendecasílabo obedece a unha expresión máis apaixonada ou máis serena respectivamente, segundo conta.

“Barcelona, deriva, é un lugar excepcional para estudar a lingua galega. Eu estudei filoloxía catalá e cuns poucos créditos máis podía completar filoloxía galega e así o fixen. Pero, claro, despois comeceime a interesar pola súa literatura, pola súa cultura… e fóiseme das mans”.

“Hai máis xente en Cataluña que estuda a lingua galega, ben porque teñen antecedentes galegos, ben porque se interesan por outra lingua que non é moi difícil. Ademais, en Barcelona hai moitas actividades sobre a cultura galega, das máis básicas realizadas por asociacións como foliadas ou magostos ata as organizadas polas universidades como conferencias, encontros ou recitais. Hai moita variedade e moita presenza da cultura galega na cidade”.

“Nesta tarefa tivo unha especial relevancia a profesora universitaria Sabela Labraña que fundou o proxecto Galanda e o deu a coñecer nos institutos. Tratábase de realizar intercambios entre institutos galegos e cataláns para que o seu alumnado coñecese unha realidade cultural que ignoraba. Programábanse visitas, actividades lúdicas, culturais, recepcións por parte de autoridades autonómicas… Era unha experiencia que creaba conciencia multicultural e daba a coñecer unha realidade da que nada se sabía.

“España, continúa, actúa de filtro da conformación das identidades das outras realidades culturais. Non nos coñecemos directamente senón coa intermediación da cultura española que nos impón a súa visión. Aínda que no territorio español existen varias culturas superpostas, a castelá afoga as demais, que se ignoran ou que posúen información interferida. Os medios de comunicación en Galicia tampouco axudan porque cando falan de Cataluña é para demonizala ou deostala pese a que en Galicia se sente certa admiración por ela, á que se ten como un referente. En Cataluña, en cambio, ignórase todo o que acontece en Galicia, pola que non se sente o menor interese”.

“Este feito, por exemplo, reflíctese nas traducións. Proporcionalmente, a tradución da literatura galega para o catalán é moito máis insignificante ca ao revés. E a calidade desta non sempre é boa. Ás veces, hai problemas porque a xente que traduce non fala a lingua e isto nótase. Unha tradución literaria é moi laboriosa e, sen ser máis ca unha proposta porque tamén é creación literaria, hai que ter en conta que non se traduce dunha lingua senón dunha cultura”.

“Pan negro, a primeira obra que traducín, hoxe míroa con moitos erros. Estou moi agradecido ao editor por terme dado a oportunidade de facela pero hoxe en día paréceme moi mellorable. Eu evolucionei, teño un maior coñecemento do galego, da súa cultura… De facela agora, a tradución gañaría”.

En Ruído de trens, a modo de introdución, os versos de Lupe Gómez abren o texto cunha invitación prometedora: “Se algún día queres/ escapar no camión,/ eu estarei esperándote/ na fronteira”. E nós apuntámonos á viaxe acompañándoo a través da memoria, do desarraigo, dos afectos, do erotismo… Aínda que no remate do libro a proposta quede matizada, “Só espero que haxa/ camións/ na fronteira”, nós animámolo a cruzar. Nós animálolo a cruzar fronteiras, a difundir culturas e a facernos partícipes. Por se os hai.





Soledad Ríos Santomé




No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada