jueves, 7 de diciembre de 2017

Microrrelato gañador do 15º Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria



Lelalela


Non é que sexa rara, ten gustos definidos. Encántalle cantar, pero só en contacto coa auga. É como se fose serea, pero non quere ser romántica nin chorradas polo estilo e pénsase cabareteira, pero en plan ben, en plan Marlénditrich. Cando lava a louza canta baixiño, coas lubas plástico rosa, putyubleinonmi, bois. Só entende o dos bois e tira do bordo de goma, pupupidú. Deletréao co cú, como se tivese vinte e non case oitenta, iso non se di. Cando se ducha -nos días impares- fai algo de zarzuela. O resto dos días, que toca baño de asento, copla lixeira, delbarriodesantacrúereunhermozoclavé. Se hai pingueiras, que as hai, na súa bufarda velliña de pensionista, recolle gotas coa lingua e dáse a aquilo de miudiñomiudiño, e mesmo vai collendo unha lixeira borracheira; despois durme. Agora si, cando trona, cando o trebón de mediados de agosto ameaza con mandar unha chuvia case monzónica de tan mesta e pegañenta, Lilimarlén sae por rimeira e única vez da casa en todo o ano, coas botas militares herdadas de seu pai, morto dun disparo nas terras do Ebro, e cunha bata de guata que pagou en reais e oñeceu épocas de botóns e flores. Aí é cando canta até o dano, e remata chorando nas pozas, leliñaporqueneumorro, tola de amor, a vella tola. Hoxe tampouco virán por ela.


Emma Pedreira

lunes, 18 de septiembre de 2017

Tertulia literaria con Lara Dopazo Ruibal


O próximo 6 de outubro, venres, ás 21:00 horas na Biblioteca Municipal de Moaña (Quintela), charlaremos con Lara Dopazo Ruibal sobre o seu poemario "Ovella", obra premiada no XIX Certame Francisco Añón de Poesía (Ano 2015)

Bases do XV Certame de Microrrelatos "Lonxa Literaria"


martes, 4 de abril de 2017

Próxima tertulia literaria: A ira dos mansos





                    "A ira dos mansos", de Manuel Esteban










O día 21 de abril, ás 9 da noite, na Biblioteca Municipal de Moaña. Contaremos, coma sempre, coa presenza do autor

Día do Libro 2017

LONXA LITERARIA DE MOAÑA

DÍA DO LIBRO 2017


Queres desfacerte deses libros aos que xa non sabes que lles facer?


Nós dámosche a posibilidade de darlles nova vida coa busca de novas persoas que os lean.


Recollemos doazóns de libros ata o 21 de abril na biblioteca municipal de Quintela (Moaña).


Os libros recollidos repartiranse o vindeiro sábado 22 de abril a partir das 5:30 da tarde no paseo marítimo


ANÍMATE E PARTICIPA



jueves, 2 de febrero de 2017

Tertulia literaria na Axencia de Lectura de Meiro (Bueu)


A escritora Inma López Silva conversará sobre o seu último libro o 23 de febreiro ás 20 horas na Axencia de Lectura de Meiro. Achégate!